Privacidade e cookies
Última actualización: 24 de novembro de 2026
Phabetia está feita para pedir o mínimo: xógase sen conta, non ten publicidade e non vende nin cede datos a ninguén. Esta páxina conta, sen rodeos, que se garda, onde e por que, tanto na aplicación coma nestas páxinas.
Quen responde dos teus datos
O responsable do tratamento é Xose de la Paz. Para calquera cousa relacionada cos teus datos, escribe a xose@novadream.com.
O que segue describe todo o que Phabetia fai con eles. Non hai máis.
Sen conta: nada sae do teu dispositivo
Phabetia pódese usar enteira sen rexistrarse. Nese caso o teu progreso —niveis, moedas, rachas, récords e axustes— gárdase unicamente no almacenamento local do teu navegador e non se envía a ningún servidor. Borrar os datos do sitio desde o navegador bórrao.
A única excepción é a medición de uso, que só se activa se a aceptas (máis abaixo).
Con conta: que se garda e para que
Crear unha conta é opcional e serve para unha soa cousa: gardar o teu progreso no servidor e sincronizalo entre dispositivos. Para iso trátanse:
- O teu enderezo de correo, que identifica a conta e serve ademais para recuperar o contrasinal e para confirmar que o enderezo existe. Nunca para avisos, novidades nin nada que non pediches.
- O teu contrasinal, gardado cifrado de xeito irreversible. Ninguén pode lelo, nós tampouco.
- A túa partida gardada: o mesmo progreso que hai no teu dispositivo, tal cal, para poder fundilo co dos demais dispositivos.
- Un identificador de sesión por cada dispositivo desde o que entras, que caduca ao ano e que podes anular pechando sesión en todos os dispositivos.
- Un alcume público, só se ti o pos: aparece xunto ao teu récord de Panic na clasificación de cada alfabeto, que ve calquera. Podes cambialo ou quitalo cando queiras desde a pantalla da conta, e quitalo sácate das clasificacións no acto.
A base xurídica é a execución do servizo que pides ao crear a conta (artigo 6.1.b do RXPD).
Non hai perfil público máis alá dese alcume opcional, nin nome, nin foto, nin idade: non se pide ningún outro dato.
As cifras de todos
De cada partida que se sobe extráense uns poucos números —respostas, acertos, niveis superados, días de racha, partidas e récords de Panic— cos que se calculan os totais, as medias e os percentís que se amosan a todos os xogadores. Só se publican agregados, cunha excepción que escolles ti: se te pos un alcume, o teu récord de Panic en cada alfabeto aparece con ese alcume na clasificación dos dez mellores, que ve calquera. Sen alcume non se amosa ningunha cifra túa a ninguén.
Eses números bórranse coa conta.
Seguridade: o que se garda uns minutos
Para frear a quen proba contrasinais ás cegas ou tenta asolagar unha caixa de correo, o servidor anota o enderezo IP dos intentos de acceso fallidos e das peticións de correo, durante quince minutos como máximo. Non é un rexistro de actividade: non se garda cando entras nin que xogas. A base xurídica é o interese lexítimo en protexer o servizo (artigo 6.1.f do RXPD).
Coma calquera servidor web, o que aloxa Phabetia leva ademais un rexistro técnico de accesos —enderezo IP, enderezo pedido e data— durante un tempo limitado e co mesmo fin.
Correos
Phabetia envía só dous correos, e só cando os pides: o de recuperación do contrasinal e o de confirmación do enderezo. Son de texto plano, sen imaxes nin seguimento. Non se envía ningún outro.
Medición de uso (Google Analytics)
Para saber que se xoga, en que nivel se atasca a xente e desde onde chega, Phabetia usa Google Analytics 4, un servizo de Google Ireland Limited. Só se activa se o aceptas no aviso que aparece a primeira vez; ata entón non se carga nada de Google.
Se o aceptas, Google recibe datos técnicos do teu navegador e do teu uso —pantallas e páxinas vistas, alfabetos elixidos, niveis e partidas xogados e o seu resultado, enderezo IP, tipo de dispositivo— e deixa as cookies que se detallan máis abaixo para distinguir unha visita da seguinte. Google pode transferir eses datos a Estados Unidos ao abeiro do Marco de Privacidade de Datos UE-EUA. Os detalles están na política de privacidade de Google.
A base xurídica é o teu consentimento (artigo 6.1.a do RXPD) e podes retiralo cando queiras, en «Axustes» dentro da aplicación ou na ligazón «Cookies» ao pé desta páxina: a medición apágase e as súas cookies bórranse no acto. A túa decisión gárdase un ano; pasado ese tempo volvémosche preguntar.
Cookies e almacenamento local
Phabetia non usa ningunha cookie propia. O que garda no teu navegador é isto:
| Nome | De quen | Para que | Canto dura |
|---|---|---|---|
| phabetia:v1 | Phabetia (almacenamento local) | O teu progreso e os teus axustes | Ata que o borres |
| phabetia:session | Phabetia (almacenamento local) | Manter aberta a sesión da túa conta e lembrar o teu alcume | Un ano, ou ata que peches sesión |
| phabetia:consent | Phabetia (almacenamento local) | Lembrar se aceptaches a medición | Un ano |
| _ga | Google Analytics (cookie) | Distinguir un visitante doutro | Dous anos |
| _ga_* | Google Analytics (cookie) | Manter a sesión de medición | Dous anos |
Ademais, o navegador garda unha copia da aplicación para que funcione sen conexión. Non contén ningún dato persoal.
As cookies de Google só existen se aceptaches a medición. Podes borralas e bloqueralas tamén desde a configuración do teu navegador.
Canto tempo se conserva
- Os datos da conta e a partida gardada: mentres a conta exista. Ao borrala desaparecen o usuario, as súas sesións, a súa partida e as súas cifras.
- As ligazóns de recuperación do contrasinal: unha hora. As de confirmación do correo: sete días.
- Os intentos de acceso fallidos e as peticións de correo: quince minutos.
Os teus dereitos
Podes acceder aos teus datos, rectificalos, pedir que se borren, limitar ou opoñerte ao seu tratamento e levalos contigo. Borrar a conta faise desde a propia aplicación, en «Axustes → Conta», sen pedirllo a ninguén. Para todo o demais, escribe a xose@novadream.com.
Se cres que a túa petición non se atendeu ben, podes reclamar ante a Axencia Española de Protección de Datos (www.aepd.es).
Menores
Phabetia non pide a idade nin ningún dato que permita coñecela. Sen conta non se trata ningún dato persoal; para crear unha conta cómpre ter polo menos catorce anos ou o permiso de quen teña a patria potestade.
Onde se garda
Os datos das contas gárdanse no servidor que aloxa phabetia.com, nun provedor de aloxamento en España. Os da medición, nos servidores de Google.
Cambios
Se esta política cambia, cambiará a data do principio. Esta páxina é sempre a versión vixente.